sábado, 29 de diciembre de 2007

OFICIALIDADE

Pasou o que pasou. Esa é unha das poucas frases típicas que polo de agora non aparecen neses anuncios identitarios de moda pero que serve para explicar o acontecido en Balaídos no Galiza-Camerún. Hora e media de tardanza tivo que soportar a afección e o equipo galego, nun inconveniente que deixa unha ferida con dúas traxectorias totalmente distintas. Por unha banda, danou a imaxe. Pola outra, fixo patentes as necesidades e o camiño de crecemento que precisa o equipo e demanda unha afección que bateu marcas de asistencia con 28.000 siareiros nas bancadas.

Camerún afrontou a cita como un simple cheque, sen ningunha consideración cara ao rival e o que el representa. A federación do país africano ten que cargar coas culpas do amago de esperpento en base a dúas chapuzas entrelazadas en forma de conflito. Un foi o interno, duns xogadores que negociaban as primas con Galiza como refén. Porque sabían o que gañaban os seus dirixentes co partido e querían a súa parte. Iso fixo que os xestores cameruneses decidiran solicitar o importe total aos organizadores, pretendendo recadar tamén os cartos que só lles correspondían se alí estivera Eto'o e outros tres futbolistas de primeira orde. Esas foron as razóns técnicas da demora. Pero hai outras que pertencen a un campo máis amplo do futbolístico. A ninguén se lle escapa que isto non lle pasaría a unha selección recoñecida pola FIFA.

Camerún non tomou o encontro con absoluta seriedade porque para eles Galiza é unha selección rexional, non a representación dun país. Pero, sáibano ou non, a realidade é esta última. Había un pobo esperando un partido, entregado á súa selección. Quedou claro. Os 28.000 espectadores de Balaídos gardarán para sempre a sensación frustrante dunha longa espera, da desorganización. Pero tampouco poderán esquecer a mostra de firmeza, o exemplo de dignidade. A ese nivel estiveron tamén os futbolistas. Antes e durante o encontro. No futuro precisarán garantías de todo tipo. Eles foron gravemente prexudicados polo sucedido. Queda por diante un serio traballo institucional para evitar fuxidas en vindeiros encontros. E tamén a necesidade dun entorno ao grande nivel dun conxunto que segue invicto como selección. Porén, seguen sen ser tidos en conta en certos ámbitos. Moitos medios só dedican espazo ao combinado galego o día anterior e posterior ao encontro. Outros céntranse en cuestións folclóricas. Falta cultura futbolística na maioría. E van moi por detrás da afección. Nos bares de Galiza falábase o venres da clase de Diego Castro ou Trashorras. Hai cinco anos, futbolistas dese estilo eran absolutos descoñecidos para a meirande parte dos socios de Celta e Dépor. Xa non pasa. Porque hai selección. Hai fútbol galego. Fútbol. Pode e debe acompañarse de festas gastronómicas, rock bravú e, por suposto, reivindicacións da identidade. Pero o xogo e os que o fan teñen que ser protagonistas, non convidados. Os siareiros xa o saben. E o demostran.

A afección e os xogadores galegos foron os grandes triunfadores do accidentado partido contra Camerún. Agora é cando os demais terán que estar á súa altura para evitar desercións no campo ou na bancada. É o momento da ambición, de manter o crecemento para ter unha selección recoñecida e respectada no plano internacional. Competitiva xa é. Só lle falta ser oficial. Aí está o camiño.

martes, 11 de diciembre de 2007

AQUÍS

Ando desaparecido de aquí, porque ando escribindo aquí.