domingo, 10 de febrero de 2008

MANCHESTER DE MÚNICH

Os bailes estúpidos de Robinho; os pelos de modelito dos futbolistas de pasarela; os inadaptados do ra-ra-ra e os seus heroes da prensa madridista ridícula; os dirixentes egoístas e interesados para os que o móvil é unha extensión da orella; a imbecilidade, en definitiva. Hai razóns para mandar o fútbol á merda. Pero sempre hai que lembrar que eles non son isto. A verdade do fútbol está na súa cultura; na mitoloxía obreira. Nolo recordan aqueles Busby Babes do Manchester United no 50 aniversario da súa traxedia.

jueves, 7 de febrero de 2008

SENTIR AS CORES

Onte comprendín un pouco mellor a todas esas nais ou avoas que durante anos se puxeron diante dun televisor e preguntaron: e cal é cada equipo? de que cor visten os nosos? E é que onte acendín a tele e púxenme a ver a Francia e España. Como o meu interese pola selección roja adoita basearse no "pues bueno", "pues vale", non estaba ao tanto do que pasaba e por iso chegou un momento en que non entendín nada. Pero os de vermello non son os que teñen que ser? Ou sexa que se cambiaron as camisetas? Así, ata que rapidamente decateime de que Francia ía vestida de España e España ía vestida de Abeja Maya. Intentei seguir vendo o encontro, pero fun incapaz. Non valía moito, como case sempre, pero ademais non era natural. Porque sen cores, o fútbol convértese noutra cousa; por exemplo, nun pase de modelos deseñados polo señor Adidas ou o señor Nike, aos que pouco parece importarlles que os que estamos ao redor disto sintamos grima e desubicación ante equipos sen cores. Non só pasa coas seleccións ou coas grandes firmas: o branquiazul Dépor cada vez ten menos branco e azul na súa camiseta, e iso cando a usa, porque outras veces vístese distinto porque si, non por confusión co rival. Pasou no Camp Nou. Desde a tele confundíanse as cores dos dous equipos porque o Dépor púxose esa camiseta que lle fai parecer a selección española de balonmán. Complicado de entender. Ás veces manter a fe no fútbol é ben difícil.