
martes, 22 de abril de 2008
BAIXO PAUS

miércoles, 16 de abril de 2008
KILÓMETROS
lunes, 14 de abril de 2008
SEIS COUSAS

1) Cando se está a dous puntos dun obxectivo, hai que loitar por el, por moi difícil e inesperado que sexa ou por moito que apeteza relaxarse logo de meses de angustia.
2) Sempre se di que un dianteiro vive do gol, e ten moito de certo. Pero esa afirmación fainos esquecer que tamén xogan defensas, paus e porteiros. Por iso non está de máis lembrar que onte, Xisco fixo un partido tan bo ou mellor que os anteriores, nos que se fartou a marcar.
3) Aínda que é fácil entendelo, a verdade é que analizado desde un punto de vista de club, o xesto de Coloccini a Caparrós sobraba. No éxito loce máis ser elegante que revanchista.
4) Unha das grandes mentiras do fútbol é aquela que di que os penaltis son pura sorte. Nada diso, neles está boa parte da esencia do fútbol resumida nunha xogada. Non é fácil tiralos ben. Sergio faio de cine e iso é calidade, non ningunha lotería.
5) Como por aí fóra apréciannos o xusto e nos miran aínda menos, pois dunhas semanas para aquí chegan comentarios que denominan ao equipo de Lotina como defensivo e case ruin, de tres centrais e contras. Non obstante, os que seguimos ao Dépor sabemos que aquí hai fútbol con maiúsculas. Os que non se enteran será que no canto de ler só miran os debuxos.
6) A maior responsabilidade que ten un club é a de estar ao nivel do caudal humano que lle acompaña. E niso, o Dépor e tamén o seu último rival o Athletic, son millonarios. Se quedaban dúbidas, onte, disipounas Riazor.
jueves, 10 de abril de 2008
BOMBAS CON FLORES

miércoles, 9 de abril de 2008
ESPACIO
Forajido: "¿Quieres decirme que hacemos atravesando un desierto que ni una serpiente se atrevería a cruzar?".
Gregory Peck: "Un desierto es un espacio, y un espacio se cruza".
Gregory Peck: "Un desierto es un espacio, y un espacio se cruza".
De la película 'Cielo Amarillo'.
Cita recogida en 'Nocilla Experience', libro de Agustín Fernández Mallo.
Cita recogida en 'Nocilla Experience', libro de Agustín Fernández Mallo.
martes, 8 de abril de 2008
VENDAS

Antes o fútbol era máis natural. Os xogadores non se sentían nunha pasarela senón nunha batalla. Nas fotos, o normal era velos suados, manchados de barro e de herba e nos seus casos máis extremos coa fronte ensanguentada. Naquelas épocas, as vendas na testa eran bastante habituais. Por iso son unha icona clásica, un símbolo do auténtico. Agora, pídeselle a Xisco que non a quite. E non é mala idea. Non só lle deu sorte de cara ao gol, senón que esa cinta protectora na cabeza tamén serve para recordar o máis digno do fútbol, aquel para o que a gloria non se basea en ir á perruquería antes do partido senón en pasar pola enfermería cando se acaba.
domingo, 6 de abril de 2008
OS HEROES DA FLOR DE TOXO

A selección galesa obtivo o pasado 15 de marzo o seu décimo título do 'Seis Nacións', o torneo máis prestixioso do mundo do rugby. Fíxoo ante Francia, no espectacular estadio do Milenio en Cardiff e nunha data simbólica: xusto no día no que se cumpría un século do seu primeiro 'Gran Slam' nesta mesma competición. Todo un canto á historia dun deporte que -ao contrario que outros da súa familia obsesionados coa suposta modernidade da globalización- ten como alicerces a tradición e as identidades. Mais en Galiza, nos mesmos días nos que Gales celebraba entre multitudes unha fazaña internacional, uns modestos clubs cheos de entusiastas comezaban a disputar a Copa Xunta ante apenas unhas ducias de afeccionados. Enormes diferenzas entre lugares teoricamente semellantes.
“O norte de España e especialmente Galiza é unha zona que por cultura e incluso paisaxe ou clima deberían contar cunha importante tradición de rugby, pero o problema é que malia a súa aparencia rural, este foi un deporte que se estendeu por medio das colonias do Reino Unido e sobre todo polas universidades e os colexios británicos, que tardaron en desenrolarse plenamente nalgunhas periferias peninsulares”, comenta Fermín de la Calle, xornalista do diario As que viviu destinado en Galiza durante catro anos e que está considerado o maior especialista deste deporte do estado. Actualmente, Valladolid e Madrid son os centros do rugby español, xunto a algunhas poboacións de Catalunya, se ben as maiores marcas de asistencia a un partido no solo estatal rexistráronse para ver a un equipo francés. O Biarritz pertence á elite de Europa e xoga as grandes citas continentais no estadio de Anoeta de Donosti, onde reúne a unhas 25.000 persoas, a meirande parte ikurriña en man. Polo tanto, o Biarritz non exerce de club galo senón vasco. Esa é unha característica básica do rugby: o seu respecto polos territorios. É a única disciplina na que xogan xuntas a República de Irlanda e Irlanda do Norte. E, por exemplo, Galiza ten combinado propio e compite a nivel menor, pero oficial. Na Copa de Europa das Rexións. Tamén ten xogado amigables, incluso contra Portugal. O recoñecemento que ten a selección galega neste deporte é aínda utópico no seu curmán o fútbol.
Símbolos da terra fecundan o imaxinario do rugby. Nótase nos cánticos antropolóxicos dos potentes combinados de Oceanía ou nos escudos dos participantes do 'Seis Nacións', onde Gales loce tres plumas de avestruz, Francia un galo, Italia unha coroa de loureiro, Inglaterra unha rosa de Lancaster, Escocia un cardo e Irlanda un trevo. O rugby galego tamén ten o seu propio símbolo, sen dúbida o máis evocador de todos os que se poden atopar no deporte do país: a flor de toxo. Con ela na camiseta, a selección enfrontouse en Lalín a Armagnac, con derrota por 22 a 51. En maio, visitará As Landas, na costa cantábrica de Francia. Ao tempo, compite no campionato estatal con bos resultados.
Pero o gran fito da selección galega de rugby chegou da man do equipo feminino, que en xuño de 2006 foi quen de gañar a Portugal en Lisboa por 10 a 20 dentro dun torneo de verán chamado Copa das Nacións. Galiza ten un interesante nivel entre as rapazas, como o demostra que tres delas foran chamadas para xogar co equipo estatal ante Inglaterra o pasado mes de febreiro. Foron Ana Vanessa Rial, Berta García (do Universidade da Coruña) e Rocío García (do Lalín). Elas son as xoias da Federación Galega, que este ano celebra o seu 25 aniversario. Foi en outubro de 1983 cando botou a andar o rugby federado en Galiza, malia que a fundación dalgún club é anterior, como no caso do C.R.A.T da Coruña. un dos máis importante na actualidade xunto ao Universidade de Vigo ou Os Ingleses de Vilagarcía. Ningún deles está preto da elite estatal. Os seus recursos son moi limitados no económico e o mediático, mais enormes no entusiasmo. Non pode ser doutro xeito nunha disciplina famosa pola amizade tabernaria dos chamados terceiros tempos, eses que xuntan aos dous equipos para compartir cervexas despois do partido. Por algo o rugby foi definido como “un deporte de cabalos xogado por cabaleiros”.
(PUBLICADO EN 'A NOSA TERRA').
martes, 1 de abril de 2008
SOMBREROS

Suscribirse a:
Entradas (Atom)
