martes, 22 de abril de 2008
BAIXO PAUS
Máis aló de que Aouate volvese completar un partido estelar ante o mesmo equipo ante o que cantou gravemente na primeira volta, a actuación do israelí en Iruña –enmarcada dentro do sensacional rendemento defensivo do equipo– serve tamén para resaltar o importante que é en calquera sitio contar cun meta de garantías. Aouate foino a campaña pasada e non tanto esta, o cal notouse e moito. Ao final dunha tempada, a diferenza entre ter un porteiro de nivel ou non se pode cifrar (sen ningún tipo de esaxeración) en oito ou dez puntos. E aí está o límite que permite mirar cara arriba ou verse obrigado a agachar a cabeza para vixiar o charco. Exemplos? Pois varios. Non foi casualidade que o Xetafe encaixase seis goles nos dous partidos máis importantes da súa historia: baixo os seus paus residían as dúbidas onde debería situarse a seguridade. De feito, se o Bayern sufriu tanto contra os madrileños foi tamén porque o seu gardamallas non parou nin unha das que lle chegaron. Si as para Casillas, e por iso un Madrid tan mediocre gaña títulos sen despeitearse. E cando o Valencia encaixa cinco en San Mamés, só hai que mirar ás súas redes para entendelo xa que alí estaba como titular un ex xogador en activo como Mora. O propio Athletic canalizou o rumbo cando fichou a Armando. Exemplos hai miles. Porque o porteiro, curiosamente o xogador máis individual e case bohemio, é o que maior reflexo colectivo xera en todo un equipo. Xa se sabe que en calquera ámbito, os diferentes son os únicos imprescindibles.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario