martes, 13 de noviembre de 2007

MAILER

"Ver a Foreman de pie ante Alí en África era como contemplar el dedo gordo del pie de Dios".

'América'
Norman Mailer


jueves, 8 de noviembre de 2007

XERACIÓN PARRÚS

Chantada recuperou o pasado fin de semana un mítico festival, o Castañazo Rock. E faino cunha ampla xornada na que destaca a presentación dun disco homenaxe aos Diplomáticos de Monte Alto e a aquel movemento que chamouse Bravú e que tivo nos Rastreros (que volverán a tocar despois dunha chea de anos) un dos seus principales expoñentes musicais. Parece que, polo tanto, os novos i exitosos camiños polos que camiña o rock en galego imitan a anteriores xeracións e reivindican aos precursores como, por exemplo, fixeran os propios Diplomáticos con Radio Océano ou Verghalludos. O traballo colectivo de tributo aos de Monte Alto chega xusto despois do que se lle fixo a Andrés Dobarro e quizáis deixe paso en vindeiros anos a homenaxes semellantes con Os Resentidos ou Pucho Boedo como eixe central.
Achégase a recuperación (rehabilitación?) dos méritos do Bravú como movemento cultural e tamén social. E niso non podo facer outra cousa que mirar para casa. Para Coruña, cidade que a pesares da súa distorsionada fama anti-galega foi o berce desta fantástica historia. E nuclearizando aínda máis chégase ata o Parrús, o bar que simbolizou toda unha época irrepetible para unha xeración herculina que agora anda polos trinta e pico anos (máis ou menos) e que ten nese desaparecido local a referencia sentimental “daqueles maravillosos anos”.
Podo presumir agora (hai tempo era unha carga, xa non) de formar parte fundamental deses tempos que van desde outubro do 93 ata finais da década. Nos catro primeiros anos fun o que montou –xunto a un amigo eterno- e tamén puxen algunha copa naquel feliz e un pouco desequilibrado soto soleado da rúa Alameda. Alí vivimos os anos do penalti de Djukic e da Copa en Madrid, alí os Blues e con eles boa parte dos mozos da Coruña cambiaron o chip illacionista e recuperaron o sentimento de cabeza de Galicia que moitos dos seus vecinos perderan por mor do conflito da capitalidade e a súa conseguinte manipulación; alí mixturábase galego con ‘coruño’; ionques con pijos; fútbol con patacas: desfase con amor. Ata alí tivo que ir a prestixiosa revista contracultural catalana Ajo Blanco para retratar A Coruña: alí grabáronse vídeos históricos con futbolín, Manu Chao e os ‘Diplos’; saíron xornalistas, humoristas, actores, rexistradores da propiedade, deseñadores, presidiarios e depresivos; foi unha especie de templo pre-botellón onde en vez de deixar as prazas cheas de merda a xente escoitaba Los Enemigos, por suposto Os Diplomáticos, Negu Gorriak, Los Suaves, Mano Negra, Banda Bassotti, The Pogues, Bad Religión...; alí as paredes estaban manchadas de vitalidade; alí serviouse o primeiro “Kalimotxo de maquina” de toda Galicia; alí bailábase o Club Xabarín; alí estábamos todos.
Certo é que a nostalxia idealiza e tapa os moitos erros que cometíamos. Pero o tempo xulgou. E gaña o Parrús. Moitos na Coruña, en Galicia ou tamén Euskadi (lexendarias festas cos bilbaínos) lembran aquel local como unha experiencia iniciática para toda a vida. Por iso, quizáis chegou tamén a hora de reivincar a Xeración Parrús. Somos nós. Porque aí seguimos. Con máis cabeciña, pero igual de bravos, que diría o outro.