jueves, 7 de febrero de 2008

SENTIR AS CORES

Onte comprendín un pouco mellor a todas esas nais ou avoas que durante anos se puxeron diante dun televisor e preguntaron: e cal é cada equipo? de que cor visten os nosos? E é que onte acendín a tele e púxenme a ver a Francia e España. Como o meu interese pola selección roja adoita basearse no "pues bueno", "pues vale", non estaba ao tanto do que pasaba e por iso chegou un momento en que non entendín nada. Pero os de vermello non son os que teñen que ser? Ou sexa que se cambiaron as camisetas? Así, ata que rapidamente decateime de que Francia ía vestida de España e España ía vestida de Abeja Maya. Intentei seguir vendo o encontro, pero fun incapaz. Non valía moito, como case sempre, pero ademais non era natural. Porque sen cores, o fútbol convértese noutra cousa; por exemplo, nun pase de modelos deseñados polo señor Adidas ou o señor Nike, aos que pouco parece importarlles que os que estamos ao redor disto sintamos grima e desubicación ante equipos sen cores. Non só pasa coas seleccións ou coas grandes firmas: o branquiazul Dépor cada vez ten menos branco e azul na súa camiseta, e iso cando a usa, porque outras veces vístese distinto porque si, non por confusión co rival. Pasou no Camp Nou. Desde a tele confundíanse as cores dos dous equipos porque o Dépor púxose esa camiseta que lle fai parecer a selección española de balonmán. Complicado de entender. Ás veces manter a fe no fútbol é ben difícil.

No hay comentarios: