miércoles, 14 de mayo de 2008

FESTA E IDENTIDADE

O fútbol naceu como deporte e pasatempo, a partir de aí converteuse en máis cousas, nunhas marabillosas (por exemplo en espectáculo) e noutras que serían lícitas se non vivisen en constante dexeneración (por exemplo, en negocio). Pero sen dúbida, os factores xurdidos desde a súa evolución que mellor definen ao fútbol son dous: identidade e festa. Ao final, cada partido é simplemente a representación dunha tribú que co seu territorio e os seus símbolos celébrase a si mesma grazas a un acontecemento con balón por medio. E poucas veces será tan claro este sentimento como o vindeiro domingo. Nunhas horas, o deportivismo no seu concepto máis amplo de club pode festexar e participar en que o filial xogue por terceira vez na súa historia por subir a Segunda e que o primeiro equipo chegue a Europa por decimosegunda vez en 102 anos de historia. Un acontecemento excepcional dividido en dous e reunido nunha soa data. Polo tanto, estamos falando dun día histórico. Non haberá moitas ocasións máis para que esta afección (protagonista básica do éxito) se dea unha homenaxe propia con tantas razóns. O domingo é una xornada perfecta para escenificar o orgullo de formar parte da aventura colectiva que se chama Dépor. Dous encontros gloriosos en Riazor en cinco horas. Non é un título nin unha final nin fan falta buses decorados nin fogos artificiais. O desta xornada é moito máis que iso. Simplemente, somos nós.

No hay comentarios: