domingo, 1 de junio de 2008

A LOITA DEFINITIVA DE HÉRCULES E BREOGÁN

Historias que nalgúns círculos son tópicos recorrentes, a nivel popular son practicamente descoñecidas. Todo o mundo sabe na Coruña que a Torre de Hércules aspira a converterse en Patrimonio da Humanidade da Unesco. Non obstante, unha das lendas fundacionais do monumento coruñés pode soar a chinés con só afastarse uns pasos do faro e entrar nunha taberna de Monte Alto, onde seguramente serán moitos os paisanos que se sorprenderán ao saber que algúns libros antigos relacionan coa fundación da mesma Irlanda ese monumento que eles levan toda a vida observando dende a ventá da súa casa. Nese eterno triángulo que se forma entre o coñecemento popular, o estudo dos mitos e a Historia e a proxección socio-económica móvese nun dos seus anos máis decisivos a Torre de Hércules, a mesma que algúns preferirían chamar Faro de Breogán. En todo caso, un símbolo.

“Agora, o faro máis antigo en funcionamento do mundo, que alumeou coa súa presenza ou a súa luz a milleiros de persoas nos centos de anos da súa existencia, aspira a ser Faro e Patrimonio da Humanidade”, con estas apaixonadas frases coroa o Concello da Coruña a documentación coa que publicita o seu traballo ante a Unesco. O monumento herculino xa foi seleccionado entre os 45 finalistas que buscarán a prestixiosa designación en xuño de 2009. E para apoiar este propósito, celébranse multitude de actos que inciden no máis popular e deixan espazos -poucos segundo algunhas voces- para o máis académico. Incluso comeza a suxerirse o pavoroso concepto de Torremanía. Pero por riba das escasas disputas aparece un admirábel fervor cidadán e tamén dous mitos fundacionais, o vencedor e maioritario xunto ao agochado e discutido pero quizais máis sedutor.

Loxicamente, a Torre non é de Hércules por ter vencido o mundo greco-romano nunha especie de situación de diglosia lendaria co celta, senón porque a súa orixe romana está máis que comprobada ante o brumoso mito nórdico. Basease este último no gaélico Libro das Invasións escrito na Idade Media e no que contase, a grandes liñas, que foi Ith, fillo de Breogán, quen divisou as costas de Eire dende o alto da Torre de Brigantium (antigo nome da Coruña), converténdose así aqueles primixenios galegos -tras varias viaxes- nos primeiros homes que habitaron a illa verde, logo ascendida á capitalidade do universo céltico moderno. Con todo, e malia o seu poder evocador, esta teoría caeu a un segundo plano ante a realidade arqueolóxica da construción romana, que tamén se impuxo no plano mítico, onde o mesmo escudo da cidade loce a cabeza do xigante Xerión soterrada baixo a Torre, erguida en forma de homenaxe ao que lle venceu, Hércules. Así o contou Alfonso X na súa Crónica Xeral. Así quedou na memoria da xente e na iconografía triunfante, por moito que a Breogán se lle deixara un pequeno ferrado de memoria a poucos metros do monumento, grazas á estatua de Xosé Cid. Mais o guerreiro celta, como corresponde ao seu carácter, non se rende. E de cando en vez, saborea pequenas vitorias, como a de hai catro anos, cando un estudo realizado por investigadores do dublinés Trinity College concluíu que irlandeses e escoceses están xeneticamente emparentados con algúns habitantes da Península Ibérica, teoría que os máis celtistas aínda utilizan para manter viva a posíbel veracidade da lenda gaélica.

Non obstante, dende unha perspectiva histórica, “as dúas lendas son moi bonitas pero da igual cal tivera máis éxito, ambas son falsas”, segundo opina Xosé María Bello, director do Museo Arqueolóxico da Coruña. “Ademais, nin son romanas nin celtas, as dúas nacen na época medieval, incluso a de Hércules foi recollida pola cristiandade ibérica a partir de textos árabes”, engade. Sobre un posíbel pouso real da que fai referencia aos celtas galaicos, Bello é moi escéptico: “Non existe constancia de ningún asentamento de tipo castrexo na Coruña peninsular, están en Elviña ou máis lonxe, polo tanto non hai avais para esa teoría cos datos que temos a día de hoxe, outra cousa sería que aparecera algún resto que indicara o contrario, porque xa se sabe que, como nos dicían antes, na historia 'os prezos poden variar sen previo aviso”.

Polo tanto, superada a disputa mítica a base de razóns arqueolóxicas, Hércules e Breogán xa poden loitar xuntos por entrar na elite patrimonial da Unesco. Actualmente, é o único faro de orixe romana en funcionamento, co que cumpre o requisito institucional de singularidade que resulta imprescindíbel para recibir o ansiado recoñecemento. O resto da lenda, riqueza para un símbolo colectivo. Porque, como apunta o historiador Felipe Senén no libro A Memoria da Coruña, os debates sobre a orixe -nos que tamén asoman presenzas fenicias- xa foron pechados con ironía polo poeta romántico Francisco Añón: “Esta Torre fai mil anos / que a fixeron os fenicios / Tamén hai algúns indicios / de que é obra dos romanos / (...) pois non foron os primeiros / nin os segundos ¡aposto! / Tíranos da duda ¡Agosto! / di ¿Quénes foron? / ¡Os canteiros!


PATRIMONIO DO MAR


“A Coruña é o mar, a súa fundación e o seu desenvolvemento non se poden entender sen a actividade marítima” apunta o director do Arqueolóxico situado no Castelo de San Antón. Precisamente, durante os séculos que van do VI ao X, a Torre tamén foi coñecida como 'o castelo do faro' . Foron os únicos tempos nos que viviu de costas ao Atlántico. “Anteriormente, era o porto da Gallaecia, todo na Coruña era romano e polo tanto, destinado á función da navegación, sobre todo con destino ao norte de Europa”, apunta Bello, que admira especialmente o interior da Torre “é absolutamente Roma”. Despois chegarían eses tempos escuros até chegar á construción do actual modelo exterior no Século XVIII, cando recuperou a súa función de faro. “Por fóra lle fixeron unha cirurxía estética e aí tamén está a súa riqueza, xa que é un 2x1, como é o caso da Catedral de Santiago, que é románico cunha cara barroca por diante, pois a Torre é romana cunha capa exterior neoclásica”. Esa é unha das gozosas realidades do berce da Coruña, que moitos eruditos esperan que aproveite os actos para profundar na súa historia, despois dunhas épocas nas que o seu pulo foi superado por novidades coma o Planetario da Casa das Ciencias, que ocupou para unhas xeracións o lugar de privilexio como visita cultural iniciática que antes tiña o faro romano. “Hai moitos anos, era centro de xuntanza popular case de romaría, logo estivo pechado uns anos para os visitantes por razóns burocráticas e perdeu forza e agora creo que está a volver a ser o máis visitado da cidade, dende logo ten unha riqueza enorme e véndese por si soa”, asegura Xosé María Bello sobre un monumento que á súa concepción teórica sempre lle uniu a práctica de guiar ou protexer aos navegantes. En definitiva, unha Torre con vocación de patrimonio universal, chea de historia e mito pero que, sobre todo, é un símbolo da Coruña e da Galiza do mar. Esa é a súa principal lenda. Dende o seu alto xa non se divisa a illa de Irlanda, pero si as Sisargas.


(PUBLICADO EN 'A NOSA TERRA')

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Configuration the bodily with two backs casinos? corroborate this posterity [url=http://www.realcazinoz.com]casino[/url] steersman and origination online casino games like slots, blackjack, roulette, baccarat and more at www.realcazinoz.com .
you can also discontinuation our tardily [url=http://freecasinogames2010.webs.com]casino[/url] orientate at http://freecasinogames2010.webs.com and revive chief spondulix !
another artistic [url=http://www.ttittancasino.com]casino spiele[/url] self-possession of events is www.ttittancasino.com , because german gamblers, profit without online casino bonus.

Anónimo dijo...

imprison payment all to look at this untenanted [url=http://www.casinoapart.com]casino[/url] totting up at the unparalleled [url=http://www.casinoapart.com]online casino[/url] signal with 10's of politesse [url=http://www.casinoapart.com]online casinos[/url]. actions [url=http://www.casinoapart.com/articles/play-roulette.html]roulette[/url], [url=http://www.casinoapart.com/articles/play-slots.html]slots[/url] and [url=http://www.casinoapart.com/articles/play-baccarat.html]baccarat[/url] at this [url=http://www.casinoapart.com/articles/no-deposit-casinos.html]no avert from casino[/url] , www.casinoapart.com
the finest [url=http://de.casinoapart.com]casino[/url] against UK, german and all to the world. so in put the finger on on the treatment of the culminate [url=http://es.casinoapart.com]casino en linea[/url] abate us now.