lunes, 30 de junio de 2008

O TEMAZO

(A miña crónica xornalística -sen máis- do temazo que nos ocupa. Publicada en www.anosaterra.com. Con noxo por algunhas cousas que isto provocou e moito cariño por outras moitísimas, especialmente un tal Capdevila e un tal Fermín que alá estivo traballando varios días -e algúns máis. E flipando porque volveu comprobarse que o fútbol é a ostia, en todos os sentidos, sobre todo cando é un xogo tan bonito como o que fixo este equipo. E máis convencido que nunca do dereito a ter a miña selección en torneos oficiais, sen por iso ter que odiar o resto, en fin, a crónica aquí abaixo).

O único referente triunfal da selección española residía hai 44 anos nunha Eurocopa ante a URRS, tras un evento con certas semellanzas ao Mundial de Arxentina do 78. A historia repetiuse nesta ocasión, con mellores formas, cun gran fútbol e, como entón, con protagonismo que nace en Galiza. España é campioa de Europa tras vencer a unha decepcionante Alemaña (0-1) cun gol que -como aquel de Marcelino, un ferrolán- ten orixe galega, neste caso familiar. Fixo Fernando Torres o tanto da vitoria dunha selección espectacular no xogo, respectábel no espírito deportivo e que -a pesar de boa parte da esaxeración popular que move- ilustra a derrota dun fato de lugares comúns do estado español que tiveron que quedar na casa para que triunfara o fútbol dun combinado de xente nova, que se divirte co balón e que pouco ten que ver co mundo machote pero con complexos que relevaba. De aí que levantara a Copa.

Empezou mellor Alemaña, pero en pouco tempo impúxose o fútbol deses aparentes ananos fronte a xigantes xermanos. Os Xavi, Iniesta, o ex céltico Silva, Fábregas... moven a pelota con estilo e cunha calma que pouco ten que ver coas presas ansiosas do 'a por ellos' e similares. España xoga ao seu, centrada nun mundo cheo de gusto a base de balón á herba, e así avisaron por medio de Torres, que mandouna ao pau. Pero despois, un balón longo ao fillo dun de Boqueixón que enganou a Lahm e Lehman e fixo o tanto -cun toque sutil pero homicida- que puxo por diante a España ante unha Alemaña sorprendida e na que Ballack semellaba desacougado.

Co 0-1, como pasou na semifinal, os de Aragonés sentíronse máis cómodos pola simple razón de que son un equipo sen presas, de talento cabal, nada que ver coa España clásica que ditaban unhas regras de españolía futbolística que os mesmos foros que agora ouvean orgullosos converteron en errado dogma de fe durante lustros e lustros. Este é o equipo da naturalidade e o toque ao que nin sequera lle pegan eses berros histéricos de boa parte dos seus comentaristas. Este vello concepto de raza foi ao que tivo que recorrer Alemaña, pero a defensa española non será de enorme talento, pero dende logo sabe o que é a orde (con mención para un coruñés de corazón como Capdevila). Fracasaban os alemáns para os que, coma aos seus compañeiros, o mellor que lles puido pasar foi que chegara o descanso.

Tivo un momento de coraxe Alemaña ao principio da segunda metade, pero a lóxica da xustiza do fútbol na mellor Eurocopa en anos tiña que recoñecer a España, que tivo ocasión para ampliar a súa diferenza pero nin sequera pódese dicir que sufriu, xa que foi clara dominadora en todo momento. E ao final, gozou merecidamente dun título do que a España futbolística -e a outra- pode tirar moitas conclusións: É a vitoria da selección estatal lonxe dos seus habituais centros de poder (máis xogadores do Vila-Real que do Madrid), afastada das presións mediáticas (Raúl non está malia a campaña que tivo ao seu favor), coa marca da aposta por un estilo e non dos tópicos que aínda sobreviven na súa bancada, cun feixe de espléndidos futbolistas que xogan en Inglaterra porque a auténtica cultura da pelota vive máis alá de antigas e fracasadas doutrinas de furia sen pouso real, as mesmas que quedaron en nada ante un dos referentes básicos deste xogo: o bo fútbol, o que a selección española fixo a base de toque, que non de estoque. Por iso gañou.