miércoles, 21 de mayo de 2008

O IMPORTANTE

Se algo tivo esta tempada para o Dépor, iso foi intensidade sentimental. Máis alá de xogadores, tácticas con cinco defensas ou aparicións milagreiras na segunda volta, o que realmente definiu a campaña branquiazul foi a febre da cidade, ben por medo ao pozo, ben por entusiasmo para coller impulso. Cando a meirande parte dos protagonistas coinciden en que o momento clave do curso non tivo lugar no campo senón á porta dun hotel (cando os Blues foron a darlle pulo a un equipo esnaquizado que a partir de aí foi outro) é que entón podemos presumir de que este ano, o fútbol foi na Coruña o que ten que ser: a expresión da xente, a conxura colectiva. Con eses valores á fronte das prioridades, é case imposible que triunfen as sombras. Sábeno ben noutros lugares, como Zaragoza, onde pensaron que o importante era enriquecer a futbolistas enriquecidos e esqueceron que o fútbol se xoga no céspede, pero só ten sentido na bancada. Cando non é así, pode ser un insulto ou, simplemente, unha partida de play station. Por todo isto, porque o Dépor é a súa afección, algúns deberían de tomar nota do que se viu onte en Ourense, na final da Copa Galiza. Malia a distancia, os deportivistas foron maioría. Mais non se puido gañar por moito que xente que alí viaxou merecera unha vitoria. Non foi grave, pero queda unha lección. A de que cando os seareiros se esforzan por algo, falar de amistosos, de copa galleta ou pensar nas vacacións é rozar perigosamente o desprezo a case os únicos que no medio deste circo manteñen intacta a autoridade moral: por exemplo, os moitos deportivistas que onte viaxaron ao Couto.

1 comentario:

Boreando dijo...

Canta razón tes!