domingo, 6 de abril de 2008

OS HEROES DA FLOR DE TOXO

Hai tres semanas, a selección dunha pequena, atlántica, verde e celta nación que oficialmente só exerce de autonomía ocupaba un lugar destacado nas informacións deportivas de todo o mundo. Os seus arredor de tres millóns de habitantes estaban de festa. Pola descrición podería tratarse de Galiza. Pero non o era. O territorio en cuestión foi Gales.

A selección galesa obtivo o pasado 15 de marzo o seu décimo título do 'Seis Nacións', o torneo máis prestixioso do mundo do rugby. Fíxoo ante Francia, no espectacular estadio do Milenio en Cardiff e nunha data simbólica: xusto no día no que se cumpría un século do seu primeiro 'Gran Slam' nesta mesma competición. Todo un canto á historia dun deporte que -ao contrario que outros da súa familia obsesionados coa suposta modernidade da globalización- ten como alicerces a tradición e as identidades. Mais en Galiza, nos mesmos días nos que Gales celebraba entre multitudes unha fazaña internacional, uns modestos clubs cheos de entusiastas comezaban a disputar a Copa Xunta ante apenas unhas ducias de afeccionados. Enormes diferenzas entre lugares teoricamente semellantes.

“O norte de España e especialmente Galiza é unha zona que por cultura e incluso paisaxe ou clima deberían contar cunha importante tradición de rugby, pero o problema é que malia a súa aparencia rural, este foi un deporte que se estendeu por medio das colonias do Reino Unido e sobre todo polas universidades e os colexios británicos, que tardaron en desenrolarse plenamente nalgunhas periferias peninsulares”, comenta Fermín de la Calle, xornalista do diario As que viviu destinado en Galiza durante catro anos e que está considerado o maior especialista deste deporte do estado. Actualmente, Valladolid e Madrid son os centros do rugby español, xunto a algunhas poboacións de Catalunya, se ben as maiores marcas de asistencia a un partido no solo estatal rexistráronse para ver a un equipo francés. O Biarritz pertence á elite de Europa e xoga as grandes citas continentais no estadio de Anoeta de Donosti, onde reúne a unhas 25.000 persoas, a meirande parte ikurriña en man. Polo tanto, o Biarritz non exerce de club galo senón vasco. Esa é unha característica básica do rugby: o seu respecto polos territorios. É a única disciplina na que xogan xuntas a República de Irlanda e Irlanda do Norte. E, por exemplo, Galiza ten combinado propio e compite a nivel menor, pero oficial. Na Copa de Europa das Rexións. Tamén ten xogado amigables, incluso contra Portugal. O recoñecemento que ten a selección galega neste deporte é aínda utópico no seu curmán o fútbol.

Símbolos da terra fecundan o imaxinario do rugby. Nótase nos cánticos antropolóxicos dos potentes combinados de Oceanía ou nos escudos dos participantes do 'Seis Nacións', onde Gales loce tres plumas de avestruz, Francia un galo, Italia unha coroa de loureiro, Inglaterra unha rosa de Lancaster, Escocia un cardo e Irlanda un trevo. O rugby galego tamén ten o seu propio símbolo, sen dúbida o máis evocador de todos os que se poden atopar no deporte do país: a flor de toxo. Con ela na camiseta, a selección enfrontouse en Lalín a Armagnac, con derrota por 22 a 51. En maio, visitará As Landas, na costa cantábrica de Francia. Ao tempo, compite no campionato estatal con bos resultados.

Pero o gran fito da selección galega de rugby chegou da man do equipo feminino, que en xuño de 2006 foi quen de gañar a Portugal en Lisboa por 10 a 20 dentro dun torneo de verán chamado Copa das Nacións. Galiza ten un interesante nivel entre as rapazas, como o demostra que tres delas foran chamadas para xogar co equipo estatal ante Inglaterra o pasado mes de febreiro. Foron Ana Vanessa Rial, Berta García (do Universidade da Coruña) e Rocío García (do Lalín). Elas son as xoias da Federación Galega, que este ano celebra o seu 25 aniversario. Foi en outubro de 1983 cando botou a andar o rugby federado en Galiza, malia que a fundación dalgún club é anterior, como no caso do C.R.A.T da Coruña. un dos máis importante na actualidade xunto ao Universidade de Vigo ou Os Ingleses de Vilagarcía. Ningún deles está preto da elite estatal. Os seus recursos son moi limitados no económico e o mediático, mais enormes no entusiasmo. Non pode ser doutro xeito nunha disciplina famosa pola amizade tabernaria dos chamados terceiros tempos, eses que xuntan aos dous equipos para compartir cervexas despois do partido. Por algo o rugby foi definido como “un deporte de cabalos xogado por cabaleiros”.

(PUBLICADO EN 'A NOSA TERRA').

2 comentarios:

Mr Tichborne dijo...

... e o fútbol, un deporte de cabaleiros xogado por cabalos. Moitos éxitos para a flor de toxo. Noraboa polo artigo.

Nacho Carretero dijo...

Enorme