martes, 8 de abril de 2008

VENDAS

O fútbol empezou a facerse un pouco peor o día en que aos futbolistas empezoulles a preocupar como sairían nas fotos do xornal ao día seguinte. Entón naceu o vedettismo. Non hai tanto, un importante e moi crido xogador do Dépor de Irureta púxolle a un xornalista unha singular escusa para non poder atendelo: "É que teño que ir á perruquería, que sempre vou o día antes dos partidos", díxolle. A razón desas visitas era asegurarse así ter as patillas de deseño ben perfiladas por se logo as páxinas sacábano celebrando un gol. De aí a que este tipo de futbolistas comezaran a facer o estúpido co baile do perrito ao marcarlle o 4-0 ao pechacancelas só había un paso, que desgraciadamente deron.

Antes o fútbol era máis natural. Os xogadores non se sentían nunha pasarela senón nunha batalla. Nas fotos, o normal era velos suados, manchados de barro e de herba e nos seus casos máis extremos coa fronte ensanguentada. Naquelas épocas, as vendas na testa eran bastante habituais. Por iso son unha icona clásica, un símbolo do auténtico. Agora, pídeselle a Xisco que non a quite. E non é mala idea. Non só lle deu sorte de cara ao gol, senón que esa cinta protectora na cabeza tamén serve para recordar o máis digno do fútbol, aquel para o que a gloria non se basea en ir á perruquería antes do partido senón en pasar pola enfermería cando se acaba.

1 comentario:

Boreando dijo...

Canta rázón tes!