jueves, 12 de abril de 2007

COUSAS DE POR AQUÍ

(Publicado hoxe en La Opinión A Coruña)

CARÁCTER GALEGO

Rodri Suárez

Disecionar o xeito de seren dos galegos leva moito máis do que colle nunha columna. Pero como canon xeral, a norma define os habitantes deste Noroeste como xente reservada, retranqueira, traballadora, morriñenta e moi dada ao servilismo inda que perigosa cando estoupa. Trátase dunha definición chea de lugares comúns que, nalgúns casos, van camiño da extinción, pero como recurso rápido posúe verdade dabondo. Outra cousa é explicar a construción dese temperamento, mergullarse nas razóns que nos fixeron así. A máis inmediata (e moito menos espallada cá do carácter reverente) fala dunha forma de ser derivada da larga historia de represión que abrangue desde a "doma e castración" que emprenderon os Reis Católicos ata o xenocidio da guerra civil, pasando polo mal endémico do caciquismo. A ecuación pola que nada crea máis resignación que o sufrimento funcionou en Galicia. A resume o mítico "mexan por nós e dicimos que chove" de Castelao.

Pero os tempos traen progresos. Mantense certo servilismo e falta de autoestima, pero o cambio cara a mellor tamén resulta evidente en moitas facetas. O fútbol serve de exemplo. Non todo é pesimismo secular. Existe unha Galicia rebelde disposta a deitar tópicos. Non é de hoxe. Por exemplo, e xa que vivimos días de derbi, os Blues naceron hai dúas décadas. Un par de anos antes aparecera Iago Iglesias polo mundo.

A Coruña dos anos 80 tentaba recuperar o pulso histórico progresista despois dos vicios herdados da sua condición de involuntario balneario vacacional da corte franquista e do trauma da perda da capitalidade. No futbolístico mantiña a herdanza servil de rendirlle pleitesía a Barça e sobre todo Real Madrid mentres o Dépor se arrastraba por Segunda. A finais da década, ese colonialismo empezou a caer en desuso. Foi unha tarefa común na que destacaron xogadores como Fran, adestradores como Arsenio e directivos como Lendoiro, pero tamén siareiros como os Blues. Era nos institutos ou nos barrios onde resultaba máis extraño ser do equipo da casa. "Xa, pero despois do Dépor ¿que es, do Madrid ou do Barça?" era unha pregunta habitual na rúa. Os Blues foron dos primeiros en dicir que "de ningún". Aí tamén naceron os éxitos. Agora, non queren levalos a Vigo. A Galicia servil quedaría na casa, a dos Blues viaxará. Serán menos, pero seguro que estarán. Xa o fixeron outras veces. E, vale, irán derrotar a outros galegos... Lexítimo. Isto é fútbol. A trampa de endosar os males do país aos do Dépor por desexar a derrota do Celta ou aos do Celta por querer a do Dépor xa non cola. Iso era antes.

Como empeza a ser de antes a imaxe do galego resignado. Un mozo de Elviña arrastraba catro meses de inxustiza. Tivo media hora e marcou. Rebelouse para gañar. O seu exemplo é o camiño para Balaídos. Once como él. Como Iago, un deses moitos galegos indomables.

No hay comentarios: